Skip to Content

Taboada na Literatura

HISTORIA DE GALIZA
(Ramón Otero Pedrayo)

    Taboada, vila branca e leda, bo país de crianza de gado, sonada polos seus xatos, chámase “de Carballo” ou “en Carballo”, por seu nó antigo, labrego e fidalgo, a parroquia de Santo Tomé de Carballo, nome da espallada na nosa terra.

    Taboada é debidora do seu trafego vilego ó seu lugar no vieiro decorrente entre o renque e unidade dos outos lombos serráns e o labro do val, cada paso máis afundido, do Miño. Vieiro histórico, seguido pola estrada xuntadoira, por Chantada, das dúas cidades que no senso ourente-occidente, o senso do decorrer galego, xuntan a Santiago de Compostela as dúas capitais do Miño, centrosas, lugo e Ourense.

Outra Taboada,  vila aldeán, apelidada “dos Freires” achégase máis á serra, ó seu “piedmont”.

Taboada na Literatura

Da GUIA DE GALICIA
(Ramón Otero Pedrayo)

    Taboada, vila moderna e de claro aspecto, é país de rica gandeiría (notable polos seus bos xatos), apelídase de Carballo para distinguila da antiga Taboada dos Freires, non lonxe no antigo camiño de Monterroso.

Taboada na Literatura

TABOADA E A XENTE QUE MANDABA NAS PONTES
(X.L.Mendez Ferrín – “Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos”)

    Trátase dun apelido derivado dun topónimo que provén do latín “tabulata”. Hai varios topónimos Taboada e tamén Taboadela en diminutivo.

    Un deses sitios é hoxe a Ponte Taboada (sobre o Ulla, coido), o que nos fai sospeitar que todos os topónimos Taboada foran antes Ponte Taboada, ou sexa: unha ponte feita de táboas igual que habería outro tipo de ponte que, por ser estrada de lousas, recibise o nome de (Ponte) Lousada e, aínda, unha Ponferrada que estaría reforzada con ferros se cadra estratéxicos e defensivos.
.../...

    Cabe pensar que os primitivos antropónimos Taboada  os adoptasen persoas que prestaban servizo como recadadores do canon de pontádego  nalgunha das ditas Ponte Taboada. Serían inicialmente Da Taboada.